CRTVG

Buscar

A Xunta pídelle ao Goberno "venres enerxéticos" para salvar Endesa

Publicado o 30/09/2019 15:15

Desde a Xunta pídenlle ao Goberno central que actúe con medidas fiscais que lles dean resposta ás necesidades que ten a central das Pontes. O conselleiro de Economía avoga por "utilizar o Consello de Ministros para tomar decisións inmediatas para garantir a continuidade da central das Pontes. Esas decisións pasan en primeiro termo pola eliminación do céntimo verde e continuar con outras medidas de tipo fiscal e con outras medidas que están homologadas a nivel europeo, como é a implantación de novo dos mecanismo dos pagamentos de capacidade".

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reprochoulle este luns ao Goberno o brexit duro que está a aplicar ás centrais térmicas do país, a conta do anuncio de Endesa de pechar estas instalacións, unha delas a das Pontes.

En declaracións aos medios en Vigo, Rueda recoñeceu a "preocupación máxima" da Xunta por unha "decisión imprevisible", a do peche da central das Pontes, en que "se investiron máis de 200 millóns de euros para evitar precisamente o peche".

Con todo, "agora decatámonos de que as térmicas van desaparecer sen ningún tipo de alternativas. É unha especie de brexit duro contra unha industria fundamental para Galicia, que dá traballo a moita xente", afirmou.

O vicepresidente da Xunta atribúeo á política de transición enerxética "cara a ningunha parte" do Goberno de Pedro Sánchez, que "non se sabe que pretende con este peche, que deixa a tanta xente na rúa e sen alternativas".

Fixo fincapé en que este peche provocará que Galicia sexa deficitaria enerxeticamente e teña que "importala doutras centrais que están en Francia, Marrocos, que producen enerxía tamén con carbón pero sen os controis que estaba a instalar Endesa para producir enerxía con todas as garantías" nas Pontes.