CRTVG

Buscar

A xuízo por drogar cinco homes cos que quedara e roubalos

Publicado o 17/09/2020 11:43

Ás 10 da mañá comezaba na Audiencia Provincial en Vigo a vista contra un home que está acusado de delitos de roubo con violencia en casa habitada, receptación e estafa. Ademais, tamén se xulga outra persoa que colaboraba con el vendendo os obxectos subtraídos.

Os feitos ocorreron entre marzo e maio de 2019. Segundo a Fiscalía, o modus operandi consistía en que o principal procesado concertaba unha cita cun home a través da aplicación de contactos Badoo e, cando tomaba unha consumición, botáballe algún tipo de fármaco, como benzodiacepina. Agardaba a que lle fixera efecto a droga e aproveitaba para roubalos.

Levaba xoias, reloxos, teléfonos, tabletas e outro efectos. Por causa das drogas que subministraba, unha das vítimas mesmo tivo que ingresar no hospital.

Ambos os homes foran detidos nun domicilio de Vigo onde tiñan parte dos obxectos roubados. A Fiscalía pide para o principal acusado 24 anos de cárcere e para o seu colaborador tres anos.

 

Noticias web

17/09/2020