A xuíza que investiga o 8-M cita a declarar como imputado o delegado do Goberno en Madrid
O xulgado de instrución número 51 de Madrid citou para o 5 de xuño como acusado o delegado do Goberno de Madrid, José Manuel Franco, a quen investiga por autorizar as protestas do 8-M do Día da Muller cando xa había brotes de coronavirus.
Nunha orde, a maxistrada Carmen Rodríguez Medel cita para ese mesmo día como testemuñas o secretario xeral da delegación, Fernando Talavera; o xefe do gabinete do delegado do Goberno, Luis María Sanz, e o director da Unidade de Seguridade Cidadá, José Luis Correas Díaz.
Todas as comparecencias serán telemáticas. A primeira, ás 9:00 horas con Franco, imputado por prevaricación administrativa, aínda que a xuíza dá a opción de facelas de xeito presencial cos medios de protección necesarios.
Xunto coa citación, a xuíza solicita unha serie de escritos e dilixencias á Delegación do Goberno, ao Ministerio de Sanidade e á Consellería rexional, para antes do 1 de xullo.
Desta maneira, pide a delegación que informe das resolucións da toma de coñecemento ou prohibicións de concentracións/manifestacións ditadas por Franco entre o 5 e 14 de marzo, e dos expedientes que estaban pendentes de resolver cando o Goberno declarou o estado de alarma. Todos con copia íntegra das actuacións.
Tamén solicita máis detalles das 21 manifstacións que foron desconvocadas "ben por propia iniciativa ou a requirimento da Delegación do Goberno" para coñecer datas e cauce.
E que faga o mesmo coa aplicación informática Xestión de Concentracións e manifestacións, en que di que "todo queda rexistrado e arquivado con asentos electrónicos", para evidenciar que se deixou constancia desas 21 manifestacións.