CRTVG

Buscar

A maioría dos presidentes autonómicos, críticos coa xestión do Ingreso Mínimo Vital

Publicado o 31/05/2020 21:20

Os titulares das cinco autonomías gobernadas polo PP reclaman a xestión dese salario en condicións semellantes ás do País Vasco e Navarra. Tamén entre os presidentes socialistas se escoitaron reclamacións semellantes.

Pedro Sánchez encontrouse cun problema de fondo. A cesión da xestión do Ingreso Mínimo Vital ao País Vasco e Navarra, acordada co PNV, provocou unha rebelión das cinco comunidades gobernadas polo PP. Aducen que todas elas dispoñen de rendas de inserción social, nalgún caso con tres décadas de antigüidade, e reclaman igualdade de trato.

Entre os socialistas tamén hai queixas, e varias comunidades están dispostas a corresponsabilizarse co ingreso mínimo vital.

Esta cuestión foi a de máis calado, a carón do debate non pechado sobre os criterios para repartir o fondo de 16.000 millóns de euros destinado ás comunidades. Pero houbo outros temas: Madrid reclama un plan urxente de medidas fiscais para "salvar o sector turístico".

Pola súa parte, o lehendakari Urkullu aposta por prolongar os ERTE ata setembro nos sectores económicos máis afectados polo coronavirus.

Outro asunto, que terá percorrido nas semanas vindeiras, é o reparto e xestión dos fondos procedentes da Unión Europea. Tamén aquí Sánchez escoitou pedimentos para que haxa equidade.

Noticias web

31/05/2020