CRTVG

Buscar

A voracidade dos paxaros minga a colleita de arandos no Val do Ulla

Publicado o 19/08/2020 15:21

Unha gravación co son das aves rapaces atacando unha presa soa a intervalos na Finca da Condesa, en pleno Val do Ulla, como método disuasorio para que pegas, estorniños e outros paxaros da zona deixen de alimentarse dos arandos cultivados aquí. A responsable da Finca da Condesa, Anne Lanevschi, explica que puxeron tamén un moucho articulado e unha cometa con forma de falcón para tentar asustar os paxaros.

Este ano, a voracidade destes paxaros foi moito maior e minguou considerablemente unha colleita que o ano pasado chegou aos 2.000 quilos de produción e que nesta ocasión esperaban incrementar nun 20 por cento. Neste campo de ensaio con 15 variedades de arandos recollen, a finais de agosto, as froitas máis tardías, pero a principal esquilma foi nas variedades temperás. De feito, calculan que nese caso, a mingua foi dun 50 por cento.

A escaseza doutras froitas na zona pode ser unha das causas que expliquen a maior afluencia de paxaros este ano, pero o confinamento tamén puido ter algo que ver, porque "as aves recuperaron territorio".

Así que as tendas próximas, que son as que comercializan os arandos da Finca da Condesa, terán unha oferta algo menor este ano.

Noticias web

19/08/2020