CRTVG

Buscar

A vítima da Manada celebra nunha carta que "por fin" acabou o proceso xudicial

Publicado o 28/06/2019 12:25

"O peor non foi a situación vivida, senón todo o que veu despois". Son as primeiras palabras da vítima da Manada despois de que o Tribunal Supremo elevara as penas dos cinco condenados a quince anos de cadea por considerar probado que foron autores de agresión sexual continuada.

Nunha carta enviada a El programa de Ana Rosa di que estes tres anos foron un proceso moi longo, intenso e esgotador. A vítima agradece a todas aquelas persoas que a axudaron. Di que o apoio da sociedade lle deu forzas para seguir adiante. Asegura que todo valeu a pena e que pouco a pouco vai recuperando o temón da súa vida.

A carta remata cunha mensaxe para aquelas mulleres que pasen polo mesmo: "Recordade, contádeo. Non lles deixedes gañar a eles", escribe.

A publicación da carta coincide coa presentación das festas de San Fermín. O alcalde de Pamplona quixo deixarlles unha mensaxe clara a todos os que vaian a Pamplona.

Enrique Maya, alcalde de Pamplona: "En todos os idiomas non é non. Calquera conduta incívica será perseguida e seguiremos así ata a erradicación de calquera conduta condenable".

A carta da vítima faise pública unha semana despois da resolución do Supremo e de que os cinco membros da Manada ingresaran en prisión para cumprir condena por agresión sexual con intimidación.

É a segunda vez que a vítima envía unha carta ao programa. Tamén o fixo o ano pasado, cando a Audiencia de Navarra deixou en liberdade provisional os membros da Manada.