CRTVG

Buscar

A vaga de protestas en Chile deixan xa 15 mortos e máis de 2.600 detidos

Publicado o 22/10/2019 18:23
A vaga de protestas en Chile deixan xa 15 mortos e máis de 2.600 detidos

O subsecretario do Interior de Chile, Rodrigo Ubilla, informou este martes de que a cifra de vítimas mortais desde o inicio do estalido social no país ascende a 15, das que 11 producíronse na Rexión Metropolitana, que comprende á capital.

Ubilla detallou que houbo dúas mortes por disparo de bala, nas cidades da Serena e Coquimbo, un morto atropelado por un camión da Armada na localidade de Talcahuano e outro falecido no roteiro 5 Sur, á altura de Curicó, do que non ofreceu detalles pero sobre o que a Fiscalía rexional informou de que foi froito dun disparo dun membro do Exército, feito que se está investigando. O resto morreu nun contexto de "queimas e saqueos, principalmente de centros comerciais", dixo o viceministro.

Así mesmo, informou de que se detivo 2.643 persoas desde o inicio do estalido social. Rodrigo Ubilla comentou que estes decesos son unha "consecuencia dramática" do que está a ocorrer no país desde que o pasado venres grupos violentos radicalizasen unha masiva protesta social contra as desigualdades do país, que tivo a alza do prezo do metro de Santiago como detonante.

Con todo, o subsecretario dixo que en comparación ás 24 horas anteriores, na xornada do luns e nesta última madrugada observouse "unha diminución significativa dos feitos asociados a saqueos, vandalismo e delincuencia", que se situou en 255, fronte aos 350 da xornada anterior.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2019