CRTVG

Buscar

A USC crea a Cátedra de Cronicidade, pioneira en Europa

Publicado o 13/12/2019 15:29

O 40% da poboación en Galicia ten algunha enfermidade crónica. A súa atención médica supón máis do 75% das consultas e unha porcentaxe tamén moi alta de gasto sanitario. O aumento da cronicidade obriga, segundo os expertos, a un cambio de sistema que integre os servizos sociais e sanitarios e que se apoie nas novas tecnoloxías para incrementar os autocoidados e a asistencia domiciliaria.

Segundo explica o director da Cátedra de Cronicidade da USC, Antonio Pose, a tendencia é a achegar os coidados ao domicilio, "sempre que o paciente teña apoio na casa, social e económico". Iso conséguese, apunta o asesor técnico desta cátedra, Rafael Bengoa, "cun paciente conectado, que debe ter acceso desde o móbil á súa historia clínica, ás últimas análises de sangue". Dese xeito, engade, os pacientes crónicos son "entre un oito e un 21 por cento máis baratos para o sistema".

A cátedra de Cronicidade da Universidade de Santiago, pioneira en Europa, pretende converterse no motor dese cambio de sistema. Un cambio que nalgúns casos xa comezou, con aplicacións móbiles que permiten un fluxo permanente de información e achegan a asistencia ao paciente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/12/2019