CRTVG

Buscar

A Unidade de Imaxe Cardíaca Avanzada do CHUS recibe o premio Novartis IESE

Publicado o 21/09/2020 16:33

A premiada Unidade de Imaxe Cardíaca Avanzada é froito do traballo conxunto entre dous servizos, o de Cardioloxía e o de Radiodiagnóstico.

"Conseguimos unha tecnoloxía punteira que nos permite ver non só o morfolóxico, a anatomía, senón tamén a función dun órgano tan importante como o corazón", di Roberto García Figueiras, xefe de Radiodiagnóstico do CHUS.

"O diagnóstico é máis rápido e máis preciso, e con ese diagnóstico máis preciso tamén podemos precisar mellor o tratamento", engade José Ramón G. Juanatey, xefe de Cardioloxía do CHUS.

Din que é un fito, a nivel estatal e mesmo europeo, esta Unidade de Imaxe Cardíaca Avanzada.

"Fundamentalmente é a incorporación dun TAC de última xeración e dunha resonancia tamén de última xeración que traballan de forma conxunta nunha área concreta", explica José Ramón G. Juanatey.

"A adquisición da imaxe cardíaca é nun latexo. O corazón latexa unha vez e xa está adquirida. E para o resto dos pacientes mesmo podemos facer unha adquisición de todo o corpo en catro segundos, que é unha velocidade tremenda que nos facilita ter diagnósticos moito máis rápidos e con moita máis comodidade para o paciente", apunta García Figueiras.

Falan de comodidade para os pacientes que non poidan estar moito tempo dentro dunha máquina e falan de redución nas listas de espera grazas a esta Unidade de Imaxe Cardíaca Avanzada que abriu a porta a compartir investigacións con centros europeos e americanos.

Noticias web

21/09/2020