CRTVG

Buscar

A UEFA pide que non se dean por rematadas as ligas antes do 31 de maio

Publicado o 23/04/2020 21:19

A UEFA apura o calendario. O máximo organismo do fútbol europeo reuniuse telematicamente coas súas federacións para falar da situación derivada da covid-19. A UEFA pediu que non se dean as ligas por pechadas antes do 31 de maio. Tamén puxo unha data límite para finalizalas, o 3 de agosto. Bélxica hai xa tempo que deu por rematada a súa competición e nomeou campión. Este venres, a liga holandesa fará probablemente o mesmo logo de que o goberno prohibise os eventos públicos ata o 1 de setembro.

No outro extremo están as ligas que xa traballan no regreso á competición. Unha das máis temperás será a alemá. Os equipos da Bundesliga levan tempo xa adestrándose cos protocolos impostos polo coronavirus. O 9 de maio estímase como a data máis probable para volver xogar. Unha semana despois tocaríalle a vez ao fútbol austríaco. En Polonia a data prevista é o 27 dese mesmo mes. Tamén Francia empeza a deseñar o regreso da competición. Sería o 17 de xuño. Unha semana antes podería ser a data na que o balón volvese rodar na liga española.

Noticias web

23/04/2020