CRTVG

Buscar

A UE prevé un recorte nos fondos comunitarios para o campo

Publicado o 10/02/2020 15:07

A ausencia do Reino Unido na Unión europea supón un burato duns 10.000 millóns de euros no financiamento. O vindeiro día 20 celébrase en Bruxelas un cumio extraordinario para consensuar os orzamentos da Unión Europea para os próximos sete anos. Son os primeiros tras o brexit e semella que serán bastante máis austeros.

O que deberán negociar os estados membros e as institucións é, non só a achega total que realizará cada un, senón como e en que se empregan despois eses cartos. Aparecen novas prioridades que poden supor recortes importantes, de máis dun 10% en piares tradicionais como as políticas de cohesión ou a política agraria común. Esa é a principal ameaza para España e a súa prioridade nesas negociacións, que se prevén complexas, será tratar de evitar uns recortes bruscos que prexudicarían especialmete o rural español.

Esta semana, agricultores e gandeiros retomarán as protestas coas que reclaman prezos xustos para os produtos do campo. Mentres, o ministro de Agricultura continúa reuníndose cos distintos elos da cadea agroalimentaria. Hoxe citouse coa Federación de Industrias de Alimentación e Bebidas. Pide unha reflexión colectiva para evitar que os agricultores vendan por baixo do que lles custa producir e para conseguir que todos gañen.

 

 

Noticias web

10/02/2020