CRTVG

Buscar

A UE pide limitar as viaxes non esenciais ante a propagación das novas cepas

Publicado o 22/01/2021 16:31

Ante a propagación dos casos de covid−19 por mor das novas variantes do virus, os líderes europeos acordaron que os países da Unión poidan restrinxir as viaxes non esenciais, pero manterán abertas as fronteiras interiores. Portugal e os Países Baixos suspenden voos co Reino Unido, e Francia vai esixir PCR negativas. 

O cumio virtual de Bruxelas viña precedido da advertencia do Centro Europeo de Control de Enfermidades, que elevaba o risco de contaxio das novas cepas procedentes do Reino Unido, Suráfrica, O Brasil e Xapón de alto a moi alto, e recomendaba aos países adoptaren medidas máis estritas coma corentenas obrigatorias e prohibir as viaxes non esenciais.

A Comisión Europea propón redefinir o mapa de Europa e as zonas de risco.

Ursula Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea: "Propoñemos introducir unha nova categoría de zonas de risco vermello escuro, zonas en que o virus circula a alto nivel".

As persoas procedentes desas zonas deberán realizar unha proba antes da viaxe e pasar unha corentena á súa chegada a calquera país membro.

Ursula Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea: "Ante esta situación moi grave de saúde, todos os desprazamentos non esenciais deben estar fortemente desaconsellados".

Os líderes europeos comprométense a manter abertas as fronteiras internas, a non pechar o espazo Schengen, para garantir o bo funcionamento do mercado interior. Inda que aos viaxeiros que atravesan diariamente unha fronteira se lles debe esixir un test, unha medida que debaterán nos próximas días.

Sobre o chamado pasaporte de vacinación, que permite viaxar a quen estea inmunizado pero que presenta dúbidas legais, o presidente do Consello Europeo explicou que se estudará con detalle máis adiante.

Charles Michel, presidente do Consello Europeo: "Deberiamos dar consensuado elementos comúns para incluir no certificado de vacinación e determinar en que circunstancias este certificado pode usarse".

Nas catro horas que durou a reunión dos Vinte e sete, os líderes europeos tamén acordaron acelerar a campaña de vacinación. As autoridades comunitarias instan ás compañías con que asinaron as compras das vacinas que respecten os seus compromisos de entrega de doses.
A Comisión Europea comprometeuse a presentar o luns propostas concretas para discutir as medidas entre os países membros.

Francia anunciaba no cumio que a partir do luns vai esixir PCR negativa realizada 72 horas antes a todos os viaxeiros europeos que queiran entrar no país por avión.

Portugal suspende a partir desta fin de semana os voos co Reino Unido. Os Países Baixos tamén o fan, e suspenden tamén voos con América do sur e Suráfrica.

Noticias web

22/01/2021