CRTVG

Buscar

A UE acorda a conxelación das normas fiscais

Publicado o 23/03/2020 21:26

A Unión Europea (UE) activou este luns a "cláusula de salvagarda" das súas regras orzamentarias que permitirá aos países incumprir os seus obxectivos fiscais e aumentar o gasto fronte á pandemia de coronavirus, á vez que se prepara para tomar novas medidas para paliar o golpe económico pola pandemia. Os ministros de Economía e Finanzas comunitarios, que deron luz verde á proposta, asumen que a epidemia levará á UE a unha recesión que será moito maior do previsto inicialmente e ven necesaria unha resposta rápida para evitar que o desastre se prolongue.

Segundo a Comisión Europea, se a crise sanitaria dura ata finais de xuño ou máis aló, a contracción da economía este ano pode ser comparable á de 2009, o peor exercicio da crise financeira, cando o PIB caeu un 4,1 % na eurozona e un 4,2 % no conxunto da UE.

"A severa recesión económica que se espera agora este ano require unha resposta política decidida, ambiciosa e coordinada. Temos que actuar decisivamente para garantir que o choque segue sendo breve e tan limitado como sexa posible e non crea un dano permanente ás nosas economías", dixeron os ministros ao termo dunha videoconferencia.

A conxelación temporal das normas fiscais "garantirá a necesaria flexibilidade para tomar todas as medidas necesarias" para apoiar ao sistema sanitario e a economía, tamén con "estímulos discrecións e acción coordinada", que deberán ser temporais e específicos para facer fronte á pandemia. As regras de disciplina fiscal europeas, recollidas no Pacto de Estabilidade e Crecemento, estipulan que o déficit público dos países non debe superar o 3 % do seu PIB e a súa débeda, o 60 % do PIB. Cando exceden estes limiares, Bruxelas pacta cos países unha senda de redución que fixa obxectivos de corrección anuais e, en caso de incumprilos, pode sancionarlles. Pero a "cláusula de salvagarda" permite que, en caso de que exista unha recesión económica severa, os estados se desvíen destas metas de maneira temporal.

Con este medida, incluída nas regras en 2011, Bruxelas leva ao máximo a flexibilidade que contemplan os tratados co fin de que os Gobernos poidan gastar sen molestias fronte á epidemia. Trátase dun paso extraordinario dado o celo que tradicionalmente mostran algúns países no cumprimento a machada da disciplina fiscal, en particular Alemaña e Holanda, e adoptado cunha velocidade inusitada, algo que responde á rápida deterioración das perspectivas económicas. Por outra banda, durante a reunión os ministros tamén "salientaron a necesidade de asegurar que os bancos continúan financiando á economía" e na necesidade dunha "tolerancia" en materia de regulación prudencial.

Segundo o vicepresidente económico da Comisión Europea, Valdis Dombrovskis: "Estamos a traballar cos supervisores para asegurar que este é o caso e o crédito e a liquidez seguen fluíndo á economía", dixo nunha declaración en vídeo.

O encontro de hoxe centrouse en aprobar a conxelación temporal das normas fiscais, pero é a antesala dunha reunión mañá do Eurogrupo na que se poñerán sobre a mesa medidas de maior calado, en concreto o uso do Mecanismo Europeo de Estabilidade  MEDE) -o fondo de rescate- ou a emisión de "coronabonos" apoiados pola eurozona. A presión para utilizar estas ferramentas creceu na última semana por parte dalgúns Gobernos nacionais, incluído o español, pero tamén na Eurocámara ou a contorna académica, desde onde chegan distintas propostas.

 

Noticias web

23/03/2020