CRTVG

Buscar

A TVG, líder en investimento en cine e series, segundo o informe da CNMC

Publicado o 15/05/2020 16:30

A Televisión de Galicia é a televisión autonómica que fai máis investimento en contidos audiovisuais. Así se reflicte no informe anual da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que deixa clara a aposta desta casa polo audiovisual feito en galego

Máis de 63 millóns de euros foi o investimento en cine e series do conxunto de televisións autonómicas en España, e a Televisión de Galicia situouse na primeira posición nese investimento.

Rosa Vilas, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG: "Estar por diante, en investimento audiovisual, doutras televisións coma a catalá, a vasca ou Canal Sur fala da grande aposta desta casa polas series e o cine feitos en Galicia e en galego".

Quen non lembra Mareas Vivas, onde comezaba un prometedor Luís Tosar; ou Matalobos, a primeira en amosar a crueza do narcotráfico en Galicia.

Pois si, foi no ano 1995, coa estrea de Pratos combinados, cando as series na Galega comezaron a marcar rexistros de audiencia históricos.

Na actualidade, as nosas series traspasaron as fronteiras e, así, a primeira coprodución galego-portuguesa, Auga Seca, chegou a unha plataforma como HBO. Tamén O sabor das margaridas, que está entre o máis visto de Netflix.

Rosa Vilas, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG: "Claramente, o noso audiovisual está facendo un moi bo traballo, cando grandes plataformas internacionais inclúen traballos de aquí entre as súas ofertas".

Ser os primeiros entre as autonómicas en investimento en contidos deixa clara a forte aposta polo audiovisual en galego, da Televisión de Galicia.

Noticias web

15/05/2020