CRTVG

Buscar

A tormenta Laura golpea Cuba tras deixar 13 mortos e numerosos estragos en Haití e na República Dominicana

Publicado o 24/08/2020 23:02

A tormenta tropical Laura causa este luns estragos en Cuba antes de entrar ao golfo de México, onde se prevé que gañará potencia este martes como furacán, para chegar ata a costa sur dos EUA, que tamén está na mira dun xa débil Marco. Ao seu paso por Porto Rico, a República Dominicana e Haití durante os últimos dous días, Laura deixou polo menos oito mortos, ningún por agora en Cuba.

Con todo, o temporal provocou nas provincias cubanas orientais e centrais desfeitas materiais aínda non cuantificados en vivendas, instalacións estatais, estradas e terreos agrícolas debido aos fortes refachos de vento e ás inundacións costeiras. Miles de persoas foron evacuadas das áreas vulnerables do litoral e reacollidas noutras casas particulares ou en centros estatais á espera de que amaine a tormenta.

Tamén se reportaron interrupcións totais ou parciais da subministración eléctrica en case todas as provincias ao paso de Laura, que derrubou postes, árbores e cables de electricidade e comunicacións.

Segundo o Centro Nacional de Furacáns (NHC, en inglés) dos EUA, con sede en Miami, Laura supón este luns ameaza de tormenta tropical para unha boa parte de Cuba, as illas Caimán e parte dos Caios da Florida, arquipélago que, aínda que finalmente non houbo que facer evacuacións, si enfronta riscos de inundacións.

Laura e Marco, que foi furacán, pero perdeu esa condición a pasada noite, ameazan tamén cunha perigosa cantidade de auga os pobos e comunidades de terras baixas ao longo da costa do golfo de México estadounidense, e mesmo os Caios da Florida e o Panhandle, no noroeste deste estado, segundo o CNH. A maior preocupación recae, con todo, sobre Luisiana, especialmente a cidade de Nova Orleáns, que lembrará este sábado con horror a Katrina, o furacán categoría 5, a maior da escala Saffir- Simpson, que tocou terra alí hai 15 anos un 29 de agosto, e Mississippi.

Prevese que o centro de Laura se desprace esta tarde preto da costa sur de Cuba, cruce o oeste da illa na noite en camiño cara ao golfo de México e que na noite do mércores se achegue á costa estadounidense. Laura desprazábase a 31 quilómetros por hora (20 millas) cara ao oeste noroeste con vento máximo sostido de 95 quilómetros por hora.

Tanto Luisiana como Mississippi e Texas, este último amplamente afectado pola pandemia da covid-19, están en estado de emerxencia pola previsible chegada de Marco este martes. Miles de persoas están xa gorecidas para protexerse especialmente de Laura.

Noticias web

24/08/2020