CRTVG

Buscar

A tenda do Compos sofre tres roubos en dous meses

Publicado o 20/02/2020 14:20

No número 8 da rúa da Raíña non fan máis que reforzar as medidas de seguridade. Nesta localización atópase a nova tenda oficial do Compostela, que abriu as súas portas o pasado 20 de decembro. En tan só dous meses, xa sufriron tres roubos. Un deles, en horario comercial, por parte dun cliente. Os outros dous ocorreron durante a madrugada. O último deles, a noite do luns para o martes.

Nos dous roubos cometidos durante a noite, utilizaron a tapa dun sumidoiro da rúa para romper a porta da tenda, polo que sospeitan que se trata dos mesmos autores. En canto á cuantía do roubado, estímase que levaron uns 400 euros que había na caixa rexistradora.

A pesar do último incidente, seguen abrindo de cara ao público. A seguridade xa é maior que cando sufriron o primeiro furto, pouco despois de abrir a tenda. As imaxes das cámaras de seguridade están pendentes de ser analizadas pola Policía para esclarecer a autoría dos feitos.

Pero, nos últimos tempos, este establecemento non foi o único que se viu afectado polos roubos nesta zona da cidade. Recentemente, algúns comercios do lugar pasaron situacións similares.

Entre os máis afectados polos furtos están as tendas de recordos. As alarmas, cámaras de seguridade e portas e ventás blindadas son cada vez máis comúns na zona vella de Compostela.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/02/2020

Máis sobre Santiago de Compostela