CRTVG

Buscar

A síndrome inflamatoria pediátrica relacionada coa Covid-19 é unha nova doenza, pero ten tratamento

Publicado o 17/06/2020 14:34

A síndrome multisistémica inflamatoria pediátrica é unha resposta inmulóxica que sofren algúns nenos. Ten similitudes coa síndrome de Kawasaki, pero parece que é unha patoloxía nova relacionada co coronavirus. As últimas investigacións achegan nova información desta doenza.

Federico Martinón-Torres, xefe de Pediatría do CHUS: "O primeiro é que son un número moi reducido os casos que se observan no mundo. O segundo é que empezamos a ter evidencias científicas de que pode ser unha síndrome diferenciada causada especificamente pola Covid-19 e estamos tratando de analizar cales son os mecanismos".

Aínda que sexa unha síndrome diferenciada causada polo coronavirus, os pediatras chaman á calma porque, din, hai tratamentos coñecidos.

Federico Martinón-Torres, xefe de Pediatría do CHUS: "Eu mantería unha tranquilidade absoluta. As alertas son as habituais. Os motivos polos que un neno con estas características pode consultar son os mesmos que habitualmente os pais utilizan para levar os seus fillos ao pediatra, e os pediatras saben como recoñecer e actuar ante unha situación deste tipo. O tratamento é coñecido e os pacientes responden ben".

Esta nova patoloxía afecta nenos algo maiores que a Kawasaki, un promedio de nove anos fronte a catro. Ademais, preséntase con máis frecuencia con dores abdominais e diarrea, xunto coas características comúns, como a febre persistente.

Noticias web

17/06/2020