CRTVG

Buscar

A sinatura xenética permitirá o diagnóstico rápido de enfermidades como a meninxite cos primeiros síntomas de febre

Publicado o 20/01/2020 14:10

Enfermidades que ata agora precisaban dun proceso de probas longo e complicado, poderán identificarse case de inmediato, cunha proba de sinatura xenética que dará resultados en menos de dúas horas. 

Esta revolución nos métodos de diagnóstico chega da man dos científicos do IDIS, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. En pouco máis de tres anos, estará xa en fase de ensaio.

Federico Martinón e Antonio Salas lideran este grupo de científicos que traballan no desenvolvemento dunha proba rápida para enfermidades como a septicemia, a tuberculose ou a meninxite. Será unha revolución nos procedementos de diagnóstico, que supera o enfoque sobre o microganismo patóxeno, para poñer a atención na resposta dos xenes. 

"En máis de 20.000 xenes que temos, e segundo a enfermidade ou a infección, uns xens sobreactívanse e outros sobreinhíbense. Sabemos que hai unha pegada transcriptómica específica para infección por kawasaki, para tuberculose..., hai unha para cada enfermidade", explica Federico Martinón Torres, xefe de Pediatría do CHUS e profesor da USC.

"Agora, o que queremos é poñelas todas xuntas, acotando o número de xenes mínimos que nos permiten diferenciar todas esas doenzas nunha única mostra de sangue", afirma.

O macroproxecto Diamonds, así se chama, busca conseguir unha proba diagnóstica: que unha soa mostra e en escasas dúas horas identifique a enfermidade pola súa sinatura xenética. 

"Isto é unha revolución no senso en que ata agora estabamos pendentes do microorganismo e requiríanse moitas probas específicas para tentar acadar o diagnostico final. Esta identificación precoz evitará facer moitas probas innecesarias, e evitará moitas ansiedades, tanto nos profesionais como nas familias", argumenta Martinón.

En primeira liña do proxecto europeo, subvencionado con 22 millóns de euros e en que participan 27 institucións de 12 países, está este grupo de investigadores galegos, o que facilitará que tamén sexan os nosos hospitais os primeiros en dispoñer deste avance.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/01/2020