CRTVG

Buscar

A segunda onda da covid−19 ameaza Europa, onde golpea con forza nas grandes cidades

Publicado o 12/10/2020 22:02

Europa achega xa case un terzo dos casos diarios de covid−19 rexistrados no mundo nos últimos días, segundo a Organización Mundial da Saúde. Nesta segunda onda, o coronavirus está a golpear sobre todo nas grandes cidades. Os gobernos optan por limitar a vida social e a actividade nocturna para frear a propagación do virus.

Bruxelas supera xa a Madrid en novos casos de covid−19 en relación á poboación, e iso converte Bélxica no segundo país da Unión Europea con peores datos. O goberno belga non descarta endurecer as restricións vixentes nin garante que se poida evitar o confinamento.

Onde xa avalían o confinamento total é na República Checa, o país da Unión coa incidencia máis elevada.

Os contaxios diarios alcanzan niveis récord nos Países Baixos, e a incidencia de casos por habitante é maior que a de España. O parlamento holandés debate máis medidas para frear a expansión do virus.

En Francia non desbotan confinamentos locais se a situación empeora. Polo momento, a capital e outras oito cidades están en situación de máxima alerta, con ximnasios e bares pechados.

Tamén está limitada a vida social e a actividade nocturna en Berlín.

En Italia, as cifras de casos son parecidas ás de abril, pero a ocupación dos hospitais é moito menor agora. O Goberno prepara novas restricións para esta semana e estima a opción de reducir a corentena a dez días.

O Reino Unido ten máis positivos por covid−19 hospitalizados nesta segunda onda que na primeira. O primeiro ministro anuncia novas restricións. Nas zonas máis afectadas, as limitacións tradúcense en peches de bares, pubs, ximnasios ou casas de apostas.

Noticias web

12/10/2020