CRTVG

Buscar

A sede do PP en Barcelona amence pintada cun "155" e unha esvástica

Publicado o 15/10/2019 13:10
A sede do PP en Barcelona amence pintada cun "155" e unha esvástica

A sede do Partido Popular de Cataluña (PPC) en Barcelona amenceu este martes pintada cun "155" en vermello, riscado cunha franxa amarela, e unha esvástica.

Así o denunciou o secretario xeral do PPC, Daniel Serrano, que colgou en Twitter unha imaxe da fachada da sede.

"O  'tsunami democrático' deixounos esta noite a súa tarxeta de visita. Dicirlles que por moito que marquen as nosas sedes, por moito que nos ameacen, por moito que nos agridan ou por moito que tenten paralizar ilegalmente Cataluña, o Estado de dereito seguirá facendo o seu traballo", escribiu.

Pintadas na sede de C's en Barcelona e no comercio familiar de Rivera

A sede de Ciudadanos en Barcelona e a persiana da tenda da familia de Albert Rivera amenceron este martes con pintadas, ao día seguinte de darse a coñecer a sentenza do procés.

A sede do partido laranxa na rúa Balmes de Barcelona apareceron as mesmas pintadas que na do PPC, cun "155" en vermello, tachado cunha franxa amarela, e unha  esvástica.

"Esta madrugada, integrantes dos comandos radicais separatistas volveron a atacar a sede de C's en Barcelona. Que vos quede moi claro: os vosos insultos, ameazas e sinalizacións non nos calarán. Seguiremos defendendo a liberdade, a democracia e a convivencia", asegurou en Twitter a líder do partido en Cataluña, Lorena Roldán.

En Granollers (Barcelona), a tenda da familia de Rivera amenceu, así mesmo, con dous lazos amarelos pintados na persiana metálica.

"Ninguén merece ser sinalado nin acosado por querer seguir sendo español en Cataluña, a miña nai tampouco. Así amenceu, de novo, o noso comercio familiar. Síntome moi orgulloso duns pais traballadores que respectan mesmo aos que non respectan nada. Ánimo", escribiu en Twitter Rivera, que achegou unha fotografía das pintadas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí