A saturación de ruído chega aos 70 decibeles en puntos do barrio vigués de Navia
Os veciños do barrio vigués de Navia piden medidas para acabar coa saturación de ruído que padecen os edificios lindeiros coa circunvalación da cidade. Segundo o último informe municipal, algunhas medicións acadaron os 70 decibeles cando a Organización Mundial da Saúde establece o límite saudable en 53.
Por este tramo da autovía de circunvalación de Vigo transitan acotío 20.000 vehículos. A ruta suma os tráficos do peirao de Bouzas coa autoestrada e os do hospital Álvaro Cunqueiro, o Parque Tecnolóxico de Valadares e a bisbarra do Val Miñor. A gran densidade circulatoria da VG-20 linda cunha ringleira de edificios do barrio de Navia.
O último informe municipal ofrece datos de medicións que, a carón da estrada, acadan os 70 decibeles nalgunhas franxas horarias. A Organización Mundial da Saúde fixa o límite saudable en 53, por iso a Asociación de veciños Novo Vigo segue reclamando o soterramento da vía a pesar de que o Ministerio de Transportes xa avanzou que esa obra non está prevista.
Un estudo encargado polo Concello de Vigo propón a cubrición do tramo con paneis en forma de túnel para mitigar a propagación do ruído que afecta uns 5.000 residentes nos edificios lindeiros.