CRTVG

Buscar

Os farmacéuticos pídenlles aos cidadáns que confíen no que lles din os profesionais, que hai moitas informacións falsas

Publicado o 16/03/2020 14:38

Os centros sanitarios privados están obrigados a pór a disposición dos servizos de saúde dos gobernos autonómicos as instalacións e o persoal que lles requiran. Refórzase, tamén, o número de profesionais coa prórroga de contratos a médicos residentes. Ademais, quen dispoña de material sanitario ten 48 horas para informar das súas existencias. As farmacias xa mostraron a súa colaboración.

Pilar Martínez de la Riva, farmacéutica: "Sempre colaboramos coa Administración e agora non vai ser menos. Isto é unha emerxencia sanitaria moi seria e a Administración sabe que coas oficinas de farmacia sempre vai contar".

Estes días as farmacias continuarán abertas nos seus horarios habituais. Extreman, iso si, as medidas de prevención para evitar contaxios.

Pilar Martínez de la Riva, farmacéutica: "Temos unhas directrices e normas da Consellería de Sanidade que estamos a cumprir e as persoas que entran tamén son moi responsables. Respectan a distancia, non hai aglomeracións e veñen por produtos básicos, por medicinas".

Os farmacéuticos piden aos cidadáns que so confíen no que din os profesionais e que non fagan caso das informacións falsas nas redes sociais sobre determinados medicamentos.


 

Noticias web

16/03/2020