A rotura dunha canalización fai que se filtren augas fecais en varias naves do Ceao
Este estanque de augas fecais formouse hai un mes, cando rompeu unha tubaxe entre varias rúas do polígono do Ceao, en Lugo. Dende aquela, as naves que se encontran á beira sofren filtracións no seu interior, cos problemas de sucidade e fedor que ocasionan para as empresas afectadas.
"Agora está cheo. Toda a canalización está atascada. Urbaser sabe moi ben do problema. Hai 30 centímetros de augas fecais, que se están a filtrar para a miña nave. Teño que estar todos os días limpando e saneando a zona", relata o empresario José Luis García.
"Problemas de olores, de ratas e, á parte, coas humidades", afirma José Álvarez.
"O maior problema é que entra moita auga pola parede para dentro. Cando chove moito, entra polos tabiques. Nin queda a pintura nin queda nada", explica Francisco Pérez, tamén empresario.
O persoal da empresa concesionaria da limpeza xa pasou en varias ocasións a baleirar o estanque, pero as augas residuais axiña volven brotar e fíltranse de novo polas paredes das naves industriais. Posto que a tubaxe rota ten xa 40 anos de antigüidade, dende as empresas afectadas reclaman que se renove a canalización o antes posible.
"Iso así non pode estar baixo ningún concepto. Viñeron hai un mes para destascar, pero está visto que iso está desaugando continuamente. Eu o que non sei é como seguen tendo iso así sen darlle unha solución", di José.
Pola súa parte, dende o Concello de Lugo están a estudar alternativas para dotar as naves dunha nova canalización.