CRTVG

Buscar

A riada do Miño deixou danos cuantiosos nas termas de Ourense

Publicado o 09/01/2020 18:59

Unha comisión mixta que se reunirá a próxima semana vai planificar as actuacións para reparar os danos da riada do Miño ao seu paso pola cidade de Ourense.

O acceso á zona termal do Muíño da Veiga está precintado, pero iso non disuade os bañistas malia as condicións das pozas: "Hai lama e ramaxe que acumula o río. Pero prefiro isto a nada, sobre todo despois de facer 300 quilómetros para vir".

A enchente do Miño durante o temporal, que alcanzou a súa maior cota de caudal desde o ano 2000, deixou ao seu paso pola cidade árbores arrincadas e danos múltiples polo arrastre da corrente. Hai treitos en que os paseos fluviais están practicamente intransitables, e mesmo algunha construcción, coma esta caseta de vestiarios, desprazouse varios metros. Unha situación que desconcerta os visitantes: "Fixen moitos quilómetros para me bañar pero, conforme está, non hai maneira". "Home, a tal hora, aínda que tiveran un pouco feito, non era nada de máis".

A próxima semana reuniranse representantes das tres concellerías implicadas, Termalismo, Medio Ambiente e Infraestructuras, para planificar as actuacións, segundo avanzaban hoxe desde o concello.

Miguel Caride, voceiro do Goberno municipal: "Lamentamos non poder abrir antes, pero tamén estamos pendentes da evolución meteorolóxica porque, se segue chovendo e volve haber unha crecida, o que facemos é tirar os cartos e perder o tempo".

Adianta que o custo das reparacións se prevé elevado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2020