CRTVG

Buscar

A RFEF convoca as federacións territoriais para ver como poden volver as competicións

Publicado o 07/08/2020 22:50

A federación española de fútbol invita ao resto das federacións de deportes de equipo a facer unha reflexión sobre un inicio de temporada con garantías. En Galicia, hai deportes que non o ven nada claro.

Nacho Cociña Presidente da federación galega de rugby "É moi posible que sexamos candidatos a entrar dos útimos na normalidade. O escenario para nós non é moi optimista".

Julio Parga Vicepresidente da federación galega de patinaxe "Non sabemos nin cando, nin como poderemos empezar as competicións. Si estamos traballando para que sexan unhas competicións máis curtas en que se prioricen, ante todo, a saúde dos deportistas".

O baloncesto ten as bases de competición aprobadas. O voleibol suspendeu os campionatos de España de categorías inferiores tanto de pista como de praia. Agora pensan nas ligas.

José Ángel Luna Presidente da federación galega de voleibol "A intención en Galicia é empezar a competición a primeira fin de semana de outubro. A día de hoxe é só unha intención".

Francisco Martín Presidente da federación galega de baloncesto "A federación galega, desde o 15 de xullo, ten as súas bases de competición aprobadas pola asemblea xeral. Estamos á espera de que tanto desde a consellería de sanidade como desde o ministerio de sanidade se aproben as liñas de actuación para os deportes de contacto".

O Parrulo de fútbol sala non xogará partidos de pretemporada por indicación da federación española de fútbol.
 

Iván López Director deportivo do Parrulo "Non temos aínda o protocolo que nos diga como temos que actuar. Eles mesmos sacaron que nos prohibían a todos os clubs xogar partidos amigables".

Desconcerto tamén no balonmán galego. Din que teñen que reinventarse. Como en todos os deportes, non se permite o contacto entre os xogadores nin nos adestramentos.

Bruno López Presidente da federación galega de balonmán "Isto impide o comezo da competición coa situación normal que a todos nos gustaría. Osa equipos galegos atópanse nunha situación de desigualdade respecto a outras comunidades en que se está a permitir o balonmán con contacto".

Esta semana estaba previsto un amigable entre o Guardés e o Porriño. Suspendeuse pola prohibición de designar árbitros para os deportes con contacto.

Noticias web

07/08/2020