CRTVG

Buscar

A residencia do Incio ten 116 casos activos e a de Outeiro de Rei xa ten 44

Publicado o 01/09/2020 19:59

Na área sanitaria de Lugo estanse facendo hoxe cribados no barrio da Milagrosa e no concello do Incio. Pero todas as miradas están postas nas residencias de anciáns. A que acumula máis casos é a do Incio, con 116 positivos. Pero a que medra máis en casos é a de Outeiro de Rei. Nese lugar temos 21 positivos novos nas últimas horas

A residencia de Outeiro de Rei é a que experimentou un aumento maior dos contaxios nas últimas horas. Hai 21 casos novos. O que fai que nestes momentos teñan xa 44 positivos. 

Temen aquí que a evolución acabe levando a unha situación como a do Incio. Alí a residencia de anciáns ten 116 positivos entre usuarios e traballadores e acumula 7 falecidos. A raíz deste gromo, no concello do Incio estase facendo hoxe un cribado masivo da poboación, con 200 PCR. E en Lugo capital, segue tamén o cribado entre hostaleiros do barrio da Milagrosa. Estas probas permitiron descubrir ata o momento 11 positivos.

Preocupación polo aumento de casos de coronavirus na residencia de Outeiro de Rei. Nas últimas horas houbo 21 contaxios novos. Nestes momentos hai un total de 44 positivos no centro.

José Pardo, alcalde de Outeiro de Rei:" Temos preocupación porque este é un tema grave, pero ao mesmo tempo confío nas autoridades sanitarias e na eficiencia dos propios traballadores e a dirección da residencia".

Na residencia do Incio hai 116 contaxiados. Este gromo provocou xa 7 mortes. Este martes 200 veciños do concello pasaron o primeiro cribado para coñecer o alcance do virus na zona. Se houbese moitos positivos, faríanse máis PCR nos vindeiros días.

Héctor Corujo, alcalde do Incio:"Primeiro estívose facendo un rastrexo dos contactos directos dos traballadores. Rematado este traballo, preténdese detectar posibles asintomáticos e ver a incidencia real do gromo no concello".

Tamén continúa o cribado entre os hostaleiros do barrio da Milagrosa. As probas permitiron descubrir nas últimas horas 11 positivos novos na zona. Os profesionais piden sancións para os que non cumpran as normas.

Pres. da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real: "Eses establecementos insolidarios, incumpridores, que os pechen inmediatamente. No se pode permitir fumar dentro o establecemento, superar horarios, non esixir o uso de máscaras. Daquelas augas veñen eses lodos".

Tamén piden responsabilidade os sanitarios para que non sigan aumentando os contaxios.

Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo: "Isto hai que tomalo en serio. Non é que teñamos moitos novos asintomáticos senón que temos unha estrutura de idade avanzada na área, xa temos xente maior afectada e o risco de que se ingresen e se poñan peor é maior".

A área sanitaria de Lugo ten nestes momentos 759 casos activos de Covid-19. Catro deles están ingresados na UCI.

Noticias web

01/09/2020