CRTVG

Buscar

A rega é prioritaria fronte ao turismo no encoro de Vilasouto

Publicado o 17/08/2020 13:22

Chova ou vaia sol, os bañistas téñeno complicado no encoro de Vilasouto. Se chove, por razóns obvias, e se vai sol porque boa parte da auga sae para a rega de preto de 3.000 hectáreas de cultivos, 1.000 delas só de millo forraxeiro.

Así, o leito é cada vez máis reducido e faise máis complicado o baño. Malia que son centos os visitantes que acoden ás beiras do encoro no mes de agosto, os gandeiros e agricultores lembran que a rega é prioritaria fronte o turismo fluvial.

"Hai servizos secundarios como traídas de auga municipais. E agora está todo o tema dos bañistas e o turismo fluvial. Pero a prioridade sempre é dar o servizo de rega para o campo", asegura Alicia Toirán, da comunidade de regantes do Val de Lemos.

Os case dous meses de seca que viviu esta zona do sur de Lugo tamén influiron na situación do encoro. Actualmente está a un 37% da súa capacidade, cuns sete hectómetros cúbicos cando o habitual é que nesta época se sitúe nun 60%.

Ademais, a finais de xullo e comezos de agosto vivíronse dúas vagas de calor con temperaturas de ata corenta graos polo que a rega se fixo de xeito masivo. Con todo, os regantes cren que agricultura e turismo poden convivir sen problemas.

"Non creo que vaia haber problemas de convivencia entre os regantes e os servizos turísticos. Hai auga abondo para todos", asegura Toirán.

Agora estase a estudar se se dan as condicións para que se poidan utilizar embarcacións nas augas do encoro, o que melloraría a oferta turística.

Noticias web

17/08/2020