CRTVG

Buscar

A reforma da Lei de axuizamento criminal deixará a instrución en mans do fiscal

Publicado o 24/11/2020 16:53

• Campo afirma que o fiscal investigador é "unha obriga" fixada pola UE

 

O Goberno aprobou este luns o anteproxecto da nova Lei de axuizamento criminal, que establece un cambio de modelo. O fiscal será quen dirixa a instrución, en lugar do xuíz, que pasa a ser árbitro de garantías. Amais, a Fiscalía tamén terá o control da información que chega aos medios durante a instrución.

A reforma limita a acusación particular, que non poderá ser exercida por partidos políticos nin sindicatos. E fixa o termo 'encausado' para todo aquel sometido a un procedemento penal.

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, dixo que esta reforma quere mellorar o modelo vixente, ideado no século XIX, para adaptalo aos estándares europeos.

"Unha obriga" fixada pola UE

Campo destacou que a reforma que atribúe ao fiscal a investigación dos delitos en substitución do xuíz é "unha obriga establecida de forma clara e directa pola UE".

O titular de Xustiza explicou que a reforma integral do proceso penal -frustrada en varios intentos dos últimos gobernos do PSOE e PP- non é unha necesidade, senón "un exercicio de coherencia constitucional e de cumprimento do mandato da UE" que "supón unha obriga política".

Campo sinalou que coa creación do fiscal investigador preténdese harmonizar o noso sistema co dos países da nosa contorna xa que todos, fóra de Francia e Austria, "teñen un modelo onde o fiscal leva a investigación e o xuíz ten o rol das garantías, esa é a idea básica".

E tamén, engadiu, incorporar ao noso ordenamento a nova figura do fiscal europeo, de maneira que "atribuír a investigación ao fiscal, non é xa unha opción, senón unha obrigación establecida de forma clara e directa pola UE".

De feito, o ministro destacou que a aprobación do Regulamento da Fiscalía Europea en 2017, constitúe o impulso definitivo á reforma estrutural do proceso penal español debido a que vén introducir, por mandato directo da Unión Europea, a figura do fiscal investigador no noso sistema xurídico cuxas funcións son "investigar, procesar e levar a xuízo aos autores dos delitos contra os intereses financeiros da Unión".

É por iso que destacou a estreita relación que existe entre a nova Lecrim e a Lei de Fiscalía europea, xa que "comparten un mesmo espírito, o da investigación penal moderna e europea a cargo do ministerio fiscal".

Porque para Campo, a nova lei procesual non se pode aprazar por máis tempo, xa que a lei actual ten 138 anos e sufriu xa 77 reformas (54 posteriores á promulgación da Constitución).

Noticias web

24/11/2020