CRTVG

Buscar

A recomendación do Reino Unido de non viaxar a España trae duras consecuencias económicas

Publicado o 27/07/2020 22:12

A decisión do Reino Unido caeu coma unha mazada no sector turístico xusto cando comezaba a levantar cabeza. O sector estima que as corentenas e as recomendacións doutros países de non viaxar a España poñen en risco case 9.000 millóns de euros. O Goberno negocia con Londres para tentar salvar polo menos os arquipélagos.

O ano pasado visitaron España 18 millóns de británicos. Deixaron aquí preto de 18.000 millóns de euros, un maná que se corta cando o sector máis o necesitaba.

Jorge Marichal, presidente da Confederación Española de Hoteis e Apartamentos Turísticos: "Dede logo que é un xerro de auga fría nun momento en que estabamos tendo certa recuperación dos mercados".

Grupos hoteleiros como Meliá ou a liña aérea IAG caeron este luns en bolsa arredor dun 6%. A decisión británica trastocou todas as súas previsións estivais. TUI, un dos principais turoperadores europeos, xa anulou ata o 9 de agosto todos os seus voos do Reino Unido a España. O executivo negocia con Londres para eximir das corentenas polo menos os que viaxen aos arquipélagos.

Os populares cren que o sector vai pagar a factura da improvisación do executivo.

Os hoteleiros canarios propoñen unha alternativa ás corentenas decretadas por Londres: ofrécense a sufragar probas de coronavirus aos turistas británicos o día da súa volta á casa.

Noticias web

27/07/2020