CRTVG

Buscar

A reapertura das oficinas do SEPE atrásase en Galicia pola ausencia de seguridade

Publicado o 15/06/2020 07:53

Este luns comeza o traballo presencial nas oficinas do Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE), aínda que aquí en Galicia haberá que esperar ata xullo por causa de atrasos na contratación do servizo de seguridade, do que non dispoñían.

No resto das comunidades que se encontran en fase 3, as oficinas do SEPE abrirán as súas portas este luns, cuns 200.000 ERTE sen resolver, segundo o sindicato CSIF, ademais doutras prestacións extraordinarias de protección por desemprego aínda sen cuantificar.

O caso é que o CSIF pensa que é máis que previsible que a angustia e a incerteza destes milleiros de persoas se traslade ás oficinas do SEPE e aos profesionais que as atenden. De feito, o venres pasado, o sindicato interpuxo unha denuncia nos xulgados madrileños da praza de Castilla para que se investiguen ameazas físicas e coaccións aos funcionarios do SEPE e reclamou a presenza das forzas e corpos de seguridade do Estado para garantir a seguridade tanto dos usuarios como dos traballadores.

Tamén criticaron que a carga de traballo se incrementou un 530 %, mentres que o número de traballadores só aumentou un 10 % con persoal interino para seis meses.