CRTVG

Buscar

A RAG reclámalle á Xunta un modelo educativo que garanta o futuro do galego

Publicado o 17/12/2019 12:24
A RAG reclámalle á Xunta un modelo educativo que garanta o futuro do galego

O último toque de atención do Consello de Europa ao Goberno central e á Xunta sobre a situación do idioma galego está a suscitar toda clase de reaccións desde o ámbito político, social e cultural.

A Real Academia Galega pronunciouse oficialmente este luns, a través dunha declaración en que insta o Goberno de Alberto Núñez Feijóo a buscar un novo modelo educativo que asegure a vitalidade da lingua galega e respecte os dereitos dos seus falantes.

O último informe do comité de expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento dos compromisos do Goberno respecto á Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas recomendou eliminar de inmediato as "limitacións" existentes para impartir docencia en lingua galega, referíndose especificamente ao chamado 'decreto do plurilingüismo' ou 'decreto do idioma' no ensino.

Esta recomendación, xunto coa de modificar a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso das linguas cooficiais nos procesos a petición das partes ou de mellorar o seu uso na administración, vai "na liña das demandas" expresadas pola Academia, como así llo fixo constar ao propio Comité de Expertos.

De feito, a propia RAG foi a que lle pediu ao Consello de Europa que aprobase unha recomendación específica para que a Xunta "remova os obstáculos" á oferta formativa en lingua galega.

Segundo lembra, o Estado español está adherido a este tratado para protexer os dereitos dos falantes das linguas europeas e cumprila "nos seus termos máis amplos".

O texto, no seu artigo 8, compromete as autoridades para ofrecer unha liña de educación preescolar e de ensino primario, secundaria, técnica e universitaria en lingua galega.

"Este compromiso non só foi incumprido, senón que a normativa sobre o uso do galego no ensino vixente no noso país desde 2010 atópase en flagrante contradición con el, ao restrinxir este uso a un máximo do 50 por cento do currículo e excluíndoo totalmente de materias como as matemáticas, a física ou a química", advirte a institución.

A entidade presidida por Víctor Freixanes engadiu, ademais, que tanto os datos sociolingüísticos dos últimos anos como os estudos sobre a evolución do coñecemento do galego constatan o "alarmante retroceso" na poboación e na mocidade e "pon de relevo" os "negativos efectos das limitacións de uso" no sistema educativo.

Por todo iso, a Real Academia Galega "congratúlase do acordo" do Comité de ministros do Consello de Europa e insta as autoridades do Estado e, "especialmente, da comunidade autónoma" a seguir as recomendacións trasladadas no informe.

"É hora de honrar os compromisos contemplados na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias para que Galicia se dote dun modelo educativo que garanta os dereitos dos galegofalantes e asegure a vitalidade do noso idioma", conclúe.

A Xunta non está conforme coa avaliación do Consello de Europa

Ao presidente da Xunta preguntáronlle por este asunto o xoves pasado. Daquela, Alberto Núñez Feijóo defendeu o decreto do idioma no ensino aplicado polo seu Executivo fronte ás críticas do Consello de Europa.

"A Secretaría Xeral de Política Lingüística é a que ten que contestar a eses asuntos. Pero sorpréndeme que se critique o plurilingüismo", aseverou, antes de reivindicar que os galegos, do mesmo xeito que o resto de europeos, teñen que coñecer "dous ou tres idiomas".

"E se hai un informe en contra de que os galegos poidamos estudar, coñecer e conversar en inglés, alá os autores dese informe", advertiu, antes de insistir en que "nunca houbo tantos galegos que soubesen falar e escribir en galego".

O que admitiu é que hai un problema "de vontade" por parte dos mozos, en relación a usar o idioma.

Dito isto, reafirmouse en que a Xunta garante que se coñeza o galego na educación, xa que "sería ridículo" que un cidadán da comunidade non coñecese a súa lingua, pero tampouco renunciará ao "plurilingüismo".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí