CRTVG

Buscar

A Radio Galega consolídase como referencia, con 133.000 oíntes diarios

Publicado o 26/06/2019 09:03
A Radio Galega consolídase como referencia, con 133.000 oíntes diarios

A Radio Galega incrementa a súa audiencia e suma 129.000 oíntes de luns a domingo, segundo os datos do Estudo Xeral de Medios coñecido este mércores. De luns a venres, a audiencia mantense sen cambios con respecto a hai tres meses, con 133.000 oíntes. 

Radio Galega Música consegue o mellor dato da súa historia, con 43.000 oíntes diarios de luns a domingo, despois dunha suba de 24.000, con respecto á primeira onda do EXM de 2019. O dato de luns a venres tamén revela un incremento de 17.000 oíntes, ata os 36.0000. Con respecto ao mesmo período de 2018, Radio Galega Música triplicou a súa audiencia de luns a venres, mentres que a suba de luns a domingo foi dun 125 por cento. 

O conxunto dos medios públicos de Galicia alcanza os 170.000 oíntes de luns a domingo, un 6 por cento máis ca no mesmo período de 2018, segundo os últimos datos do EXM. Con respecto á onda do mes de abril, o incremento é de case un 16 por cento. 

Programas

O Galicia por diante sitúase nos 63.000 oíntes e mantén a fidelidade da audiencia no seu tramo informativo. Pola súa banda, o magacine dirixido por Kiko Novoa incrementou o seguimento en 7.000 persoas con respecto a hai tres meses, ata alcanzar os 51.000 oíntes. 

O Pensando en ti de Marcial Mouzo non coñece fronteiras e duplica a súa audiencia con respecto a hai un ano, ata alcanzar os 60.000 oíntes. O programa é líder indiscutible na madrugada galega, cunha suba de 20.000 oíntes en relación a hai tres meses. A versión de fin de semana, dirixida por Viti González, tamén subiu ata os 19.000 oíntes o sábado e 29.000 o domingo. 

O programa A tarde, dirixido por Antón Rebollido, alcanza o mellor dato da temporada, con 19.000 oíntes, o que supuxo unha suba do 50 por cento da audiencia en relación a hai tres meses. Pola súa banda, o Convivir de Clara de Saa suma 2.000 oíntes. Os programas temáticos da medianoite continúan subindo audiencia ata alcanzar os 28.000 oíntes, 8.000 máis que hai tres meses.

No apartado informativo, ademais dos 63.000 oíntes do Galicia por diante, a Crónica das dúas subiu a súa audiencia en 4.000 oíntes con respecto ao mesmo período de 2018, ata situarse nos 11.000. Pola súa banda, A crónica suma 3.000 oíntes, e o faladoiro político da noite dobra o número de oíntes con respecto a hai tres meses, ata sumar 14.000, segundo a última onda do EXM. 

No que atinxe aos deportes, as novas marcas desta temporada seguen subindo. Ao contraataque dispárase e dobra a audiencia con respecto a hai un ano, ata alcanzar os 20.000 oíntes, e Zona mixta suma 14.000, é dicir, 2.000 máis que no mesmo período de 2018. 

Na fin de semana, o Galicia por diante, dirixido por Victoria Rodríguez, suma 65.000 oíntes o sábado, case duplicando a audiencia de hai tres meses e 40.000 o domingo, no marco dunha tendencia continuada de suba dende o lanzamento desta nova proposta informativa. O programa de cine Sala 5 dobrou a súa cifra ata os 28.000 oíntes e o programa especializado en agro Ferrado e medio consolídanse con 12.000 oíntes. 

No plano informativo e ademais do Galicia por diante fin de semana de Celia Rúa, producíronse subas substanciais na Crónica das dúas, ata os 31.000 e 42.000 oíntes sábado e domingo, respectivamente. O programa de reportaxes Panorámica multiplica o seu seguimento ata os 20.000 oíntes. 

O Galicia en goles de Xoán Galán continúa medrando e alcanza os 51.000 oíntes o sábado e 67.000 o domingo. Ao contraataque, na edición dominical, tamén subiu e os programas Galicia en Toquio e Gas a fondo mantéñense. Pola súa banda, o Convivir deportivo experimenta un importante incremento ata os 37.000 oíntes. 

O Diario cultural incrementa audiencia con respecto a hai tres meses, con 36.000 oíntes na edición matinal, 11.000 na de mediodía e 11.000 na da tarde, con subas de ata 14.000 oíntes pola mañá e 6.000 pola tarde. Na fin de semana é seguido por 56.000 persoas o sábado e 23.000 o domingo, mentres que a edición dominicial de mediodía consolídase con 31.000 oíntes. No total, a programación especializada en cultura da Radio Galega suma 168.000 impactos semanais.

Noticias web

26/06/2019