CRTVG

Buscar

A provincia de Ourense segue acumulando casos, cunha incidencia preocupante

Publicado o 25/01/2021 16:02

Dúas persoas faleceron nas últimas horas en Ourense, a segunda área sanitaria con máis falecidos desde que comezou a pandemia: un home de 67 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario de Ourense, e outro de 86, en Verín, un usuario da residencia Santa María, en que hai xa medio cento de afectados entre usuarios e traballadores.

Preocupa a presión asistencial, hoxe hai ingresadas 13 persoas máis ca onte, iso si, o número de pacientes na UCI mantense estable: 12 persoas ingresadas. E preocupa tamén a incidencia acumulada. Sobe dos 800 casos por cada cen mil habitantes de media na provincia e moito máis nalgúns concellos, coma Xinzo de Limia, onde se aplica xa o modelo O Carballiño.

168 persoas están ingresadas pola covid nos tres hospitais de Ourense, a maioría aquí, na cidade. 12 están na UCI. Avanzamos a un ritmo só comparable ao da primeira onda.

"Claro que me preocupa, sobre todo tendo unha persoa ingresada aquí, pero hai que intentar levalo o mellor posible". "Medo non, pero respecto si, porque isto cada vez sobe máis e non é bo", comentan dous veciños.

No cribado realizado esta fin de semana, ao que faltaron un terzo das persoas citadas, o resultado reflicte a elevada incidencia entre a poboación. Houbo 35 positivos, asintomáticos. No conxunto da cidade, o total de casos activos supera xa os 900.

"En canto nos soltan un pouco a corda, xa facemos como se nada pasase. O que o está sufrindo é o que se dá conta, e o resto...". "A xente tiñámonos que concienciar un pouco porque somos os máis prexudicados", din algúns veciños.

Tamén seguen aumentando os casos en Xinzo de Limia, sometido ao modelo O Carballiño desde o xoves pasado, na comarca de Monterrei, O Carballiño e Ribadavia, Allariz...

"Visto o visto, a primeira vez foinos ben e esta vez non está dando resultado isto, hai que tomar unha solución drástica". "Coma en marzo: todos para a casa, vacinar os que o precisan...", sinalan dous ourensáns.

A incidencia acumulada sitúase de media na provincia por riba dos oitocentos casos por cada cen mil habitantes, un lamentable récord que superamos cada día.

Noticias web

25/01/2021