CRTVG

Buscar

A produción industrial sofre en abril a maior caída da serie histórica

Publicado o 05/06/2020 09:04

• O descenso da actividade foi en Galicia do 43 por cento

A produción industrial sofre en abril a maior caída da serie histórica

A produción industrial caeu en abril un 33,6 % con respecto ao mesmo mes de 2019, o maior descenso da serie histórica, nun mes marcado polo confinamento e o peche das actividades non esenciais pola pandemia de coronavirus.

O esborrallamento do índice de produción industrial (IPI) publicado este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE) supera o ata o de agora mínimo histórico do 28,4 % de abril de 2009, en plena crise financeira.

A produción industrial xa acusou os efectos das medidas para atallar a epidemia en marzo, cunha caída do 11,7 %, unha tendencia que se intensificou co peche de todas as actividades non esenciais entre o 30 de marzo e o 9 de abril.

A produción industrial experimentou retrocesos anuais en todos os sectores en abril, especialmente en bens de equipo (57,4 %) e bens intermedios (35,9 %).

A produción de bens de consumo reduciuse un 22,8 % -un 67,4 % nos duradeiros e 19,1 % en non duradeiros- e a de enerxía, un 14,7 %.

A produción industrial de abril estivo lastrada pola industria manufactureira, con importantes caídas na fabricación de vehículos de motor (do 92 %), na confección de pezas de vestir (77,2 %), no coiro e o calzado (73,5 %) ou en mobles (70,7 %).

Todas as ramas de actividade reduciron a súa produción en abril, incluídas a de alimentación (cae un 7,3 %) e a farmacéutica (0,4 %), que anotaran avances en marzo.

En termos corrixidos dos efectos estacionais e de calendario, o IPI baixou en abril un 33,6 %, 19,9 puntos por baixo do nivel de marzo.

Polo que respecta á evolución mensual corrixida, a produción industrial diminuíu un 21,8 % en abril con respecto a marzo, con descensos en todos os ámbitos: bens de equipo (39,9 %), bens intermedios (25,6 %), bens de consumo (14,4 %) e enerxía (10,1 %).

A produción industrial reduciuse en termos brutos en todas as comunidades autónomas, especialmente en Galicia (43 %), Aragón (41,7 %), Castela e León (40,5 %), Navarra (40,1 %) e País Vasco (40,1 %).

O INE subliñou que a calidade dos indicadores é similar á de calquera outro mes a pesar de que a recollida de información se viu afectada polo estado de alarma.