CRTVG

Buscar

A presión hospitalaria dispárase en varias comunidades autónomas

Publicado o 25/01/2021 09:12

A terceira vaga tamén está imparable no resto de España. As comunidades autónomas que sofren a maior presión hospitalaria comezan a instalar hospitais de campaña, coma a Comunidade Valenciana ou Extremadura. En Madrid e Euskadi entran en vigor hoxe novas restricións, que tamén vai anunciar Andalucía.  

A incidencia en España segue subindo. Sitúase por riba dos 800 casos por cen mil habitantes. Nas últimas horas notificábanse dous millóns e medio de contaxios. O máis preocupante é a presión hospitalaria. En once comunidades autónomas, unha cuarta parte das UCI están ocupadas con pacientes de covid−19.

Na Comunidade Valenciana, o sistema sanitario está desbordado. Hai máis de 4.000 pacientes ingresados, 600 en coidados intensivos. Estas cifras obrigaron a instalar tres hospitais de campaña.

"O colapso en urxencias é evidente, día a día vemos que as camas superan a capacidade tanto da instalación coma do persoal sanitario de que dispoñemos", conta unha médica adxunta de urxencias do hospital de Sagunto. 

Para frear os contaxios, o Goberno rexional aumentou as restricións. Ata o 15 de febreiro, están prohibidas as reunións con non conviventes en casas particulares. Só poden ser en espazos públicos e dúas persoas. Ademais, 15 cidades que superan os cincuenta mil habitantes estarán pechadas durante as fins de semana.

Na Comunidade madrileña e en Euskadi entran en vigor hoxe as novas limitacións. Madrid mantén os confinamentos perimetrais por zonas básicas de saúde e o toque de recollida ás dez da noite. Están prohibidos os encontros nos domicilios entre non conviventes, agás nos casos de persoas que vivan soas ou precisen coidados. Bares e restaurantes pecharán ás nove. Endurécese a vixilancia, con máis de 200 policías e unha unidade de drons.

José Luis Martínez-Almeida, Alcalde de Madrid: "Vainos permitir vixiar desde o aire os perímetros das zonas básicas de saúde".

En Euskadi, desde hoxe están pechados perimetralmente todos os concellos e limítanse os encontros sociais a un máximo de catro persoas.

A Rioxa, Estremadura e Andalucía alcanzaban nas últimas horas récord de ingresos hospitalarios. Na comunidade andaluza, 3.600 hospitalizados. Supérao Castela e León, con 3.200 ingresos. No hospital de Valladolid só queda libre unha cama UCI.

O goberno andaluz vai anunciar hoxe que confinará perimetralmente as localidades con máis de 500 contaxios por cada cen mil habitantes e pechará toda actividade non esencial onde se rexistren máis de mil positivos por cada cen mil persoas.

Murcia suspende toda actividade asistencial non urxente ou imprescindible nos hospitais.
Cataluña, que segue pechada e cos bares abrindo por franxas horarias, prorroga as restricións ata o 7 de febreiro. Nas illas Baleares están confinadas Formentera e Eivisa. Nas Canarias, Lanzarote e A Graciosa están no nivel máximo de restricións, coas reunións limitadas a dúas persoas non conviventes.

Noticias web

25/01/2021