CRTVG

Buscar

A Policía Local destapa en Vilagarcía unha sala de xogo e un bar clandestinos

Publicado o 20/11/2020 13:53

Un baixo da avenida Agustín Romero de Vilagarcía en que quedan restos do rótulo dunha empresa canaria de montaxes eléctricos non era o que parece. Descubrírono efectivos da Policía Local este sábado contra a medianoite. A esa hora, con toque de queda, unha patrulla viu tres mozos fóra e creu que estaban a roubar.

José Luis Couto, policía local de Vilagarcía explica que "a reixa estaba aberta. Achéganse e un deles sae correndo e os outros dous métense dentro do local". A sorpresa é que cando van entrar descobren que o que parecía ser un baixo dedicado a material eléctrico é un bar, coa súa máquina comecartos, a súa mesa de póker, barra de consumicións, música e mesmo códigos QR para a informacións sobre as bebidas.

Non se sabe canto tempo levaba funcionando. Imaxes do interior mostran un local acondicionado para o xogo e bar. Ademais tiña que contar con bo illante acústico.

Segundo os veciños, non oíran ningún ruído fóra do normal. Outros si andaban algo mosqueados polo movemento de xente nova que había na rúa algunhas noites. No momento da intervención había dentro cinco individuos que, por suposto, incumprían as normas sanitarias ante a pandemia. Por se faltaba algo, a policía achou no lugar unha bolsa que contiña, supostamente, marihuana.

Segundo relata Couto: "Un deles dixo que era o responsable do local, fixeron as identificacións e chamamos a Garda Civil Fiscal para facer as comprobacións e están a facer as dilixencias ao respecto. Non existe ningunha denuncia previa sobre ese local, aparentemente de material eléctrico, e non nos consta que houbese ningunha actividade de hostalería dentro do mesmo".

O concello de Vilagarcía ordenou o peche e precinto do baixo. Despois da intervención da Policía Local foi ao lugar en cuestión a Garda Civil Fiscal e, de novo, dentro da sala-bar clandestina estaba o responsable e outros dous mozos que tamén foron denunciados.

Noticias web

20/11/2020

Máis sobre Vilagarcía de Arousa