CRTVG

Buscar

A Policía abate a tiros un home que acoitelara dous axentes en Vallecas

Publicado o 13/01/2020 09:06

Os axentes agredidos, entre os que hai un galego, acudiron ao domicilio despois de recibir a chamada dunha muller que alertaba de que o mozo da súa filla a estaba ameazando cun coitelo e dicía que a ía queimar.

Cando chegaron, a porta estaba aberta e a casa ás escuras. O presunto agresor botouse a eles no corredor e acoitelou un dos axentes no tórax. Despois atacou ao outro e fíxolle un corte profundo na cara. Un dos policías disparoulle para defendérse e provocoulle a morte.

"Un policía estaba sentado na beirarrúa e tiña unha toalla posta e estaba quitando o chaleco. Vin que outro policía estaba chamando a ambulancia e que lle dicía que por favor viñese, que había dous policías feridos. E despois xa souben que o señor ao que lle dispararon morreu", di unha testemuña.

Segundo confirmou a Policía, o presunto agresor abatido tiña antecedentes e xa fora denunciado.

"El xa estivera encerrado porque lle pegara outras veces. Xa o denunciaran, estivo na rúa, e ata que non pasou isto... A ver se con estas cousas lle poñen solución", di un veciño.

Os dous axentes están fóra de perigo e evolucionan ben.
 

Noticias web

13/01/2020