España necesita cuadriplicar o ritmo de vacinación para chegar ao 70% dos adultos no verán
• A poboación xa inmunizada non supera o 4% despois de dous meses
• Galicia prevé chegar aos 20.000 docentes vacinados antes do luns
Quedan atrás dous meses desde o inicio da vacinación con Araceli Hidalgo como protagonista e ata hoxe son 1.243.000 as persoas que recibiron xa as dúas doses. Iso representa non máis do 4% da poboación española.
O Ministerio de Sanidade explicaba hoxe que se distribuíron nas comunidades autónomas 4.508.000 doses. Dous millóns e medio foron para os que xa están inmunizados e calcúlase que estas alturas 1.300.000 persoas máis recibiron a primeira dose. Nun contexto en que melloran claramente as cifras de incidencia da covid-19 e a ocupación das UCI, o ritmo de vacinación preocupa.
O problema de España non é alleo ao da Unión Europea coa lenta subministración das farmacéuticas. Neste contexto, Johnson&Johnson comunicaba que os 200 millóns de vacinas da súa filial Janssen, prometidos para o segundo trimestre deste ano á Europa comunitaria, chegarán si, pero ao longo de todo o 2021. Unha demora máis. A España correpóndenlle 20 millóns. Trátase dunha vacina monodose que ía significar un salto exponencial no ritmo de inoculación.
Malia este revés, confíase en que xa a partir de abril e durante o segundo trimestre o panorama cambie coa chegada das vacinas de Janssen, da estadounidense Novavax, que se producirá tamén no Porriño, e da alemá CureVac. Tres marcas para un posible cambio de velocidade.