CRTVG

Buscar

A plataforma contra a mina de Touro celebra o carpetazo ao proxecto

Publicado o 29/01/2020 08:41

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non asegurou este martes que, a pesar da "euforia", seguirá "vixiante" tras saber que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia asinou unha declaración de impacto ambiental que rexeita o proxecto de reapertura da mina.

"Isto dános forza e a historia inicial está aí, como non pode ser doutra maneira, pero tras dedicar anos a loitar contra este proxecto que quería destruír o noso medio de vida e a nosa terra temos que tomalo con cautela e seguir vixiantes, podemos esperar calquera cousa", apuntou en declaracións a presidenta da plataforma, Isabel García.

A portavoz tamén destacou que os resultados dos informes de Patrimonio Natural e Augas de Galicia -descritos pola Xunta como "desfavorables" e "insalvables"- que rexeitan o proxecto da mina "coinciden cos informes da plataforma avalados por técnicos".

Ao preguntarlle pola duración do proceso de tramitación ambiental do proxecto da mina, García sinalou que sobre esa cuestión "habería que preguntar a quen dilatou o proceso, que terán que achegar algún motivo" que xustifique "unha espera que foi eterna".

"A interlocución coa Xunta de Galicia non foi fácil, inicialmente non tiñamos acceso a toda a información que necesitabamos, pero esperamos que isto sirva de exemplo para que a ningunha outra loita similar se lle poñan estas trabas", proseguiu.

Neste sentido, García insistiu en que "a administración debe ser clara cos cidadáns e non coas empresas multinacionais que veñen desfacer", tendo en conta que "se lle deron todas as facilidades" mentres que "á plataforma só se lle puxeron inconvenientes", cando "son os cidadáns ante quen debería responder".

Noticias web

29/01/2020