CRTVG

Buscar

A piques de ser controlado o incendio forestal do suroeste de Madrid

Publicado o 02/07/2019 14:04

O incendio forestal que arrasou 3.300 hectáreas no suroeste de Madrid e norte de Toledo está a piques de ser controlado despois de que esta noite os bombeiros e os efectivos da UME conseguisen sufocar os dous focos principais do incendio. Os reténs que permancen na zona continúan traballando para evitar que as lapas poidan reavivarse.

Coas primeiras luces do día, as brigadas forestais e os soldados da UME despregados na serra suroeste de Madrid conseguían apagar os dous focos principais do incendio que se iniciou o venres pasado nas proximidades da localidade toledana de Almorox.

Aínda que persisten moitos puntos quentes, os máis perigosos eran estes dous focos situados arredor de Peña Cenicientos.
Os equipos de extinción terrestres, apoiados por varios helicópteros, revisan o perímetro do incendio para evitar que o lume rebrote.
2.500 das 3.300 hectáreas queimadas pertencen á provincia madrileña e o resto a Toledo.

A positiva evolución dos traballos de extinción permitiu regresar ás súas casas aos veciños que foran evacudados.
O incendio é o máis grande rexistrado na Comunidade de Madrid desde o ano 2012.

Noticias web

02/07/2019