CRTVG

Buscar

A Revista

A partir dos doce anos non están permitidos os equipos mixtos de baloncesto

Publicado o 02/07/2018 12:38
Falámoslles agora de igualdade. Como cada luns está connosco a nosa colaboradora nesta materia, a xornalista Carla Reyes Uschinsky. E hoxe falaremos de nenos e nenas que fan deportes xuntos.
Carla, cóntanos, porque creo que toda esta reflexión arranca dun caso moi concreto… non si?

Ola, Loli, bo día. Si, en efecto esta é unha fermosa historia duns rapaces, xogadores dun equipo mixto de baloncesto que, chegados aos 12 anos, a Federación Galega os obriga a separarse e conformar equipos de nenos e nenas. Eles queren seguir xogando xuntos, pero o regulamento prohíbeo.

--- Pero por que, cal é o argumento para prohibilo?

O argumento é moi simple: a Federación Galega considera que a partir dos 12 anos as diferenzas físicas entre nenos e nenas son xa evidentes e non poden seguir xogando na categoría dos equipos mixtos, como poden facer os pequenos.


--- Pero por que non se constitúen dous equipos, un de homes e outro de rapazas?

Simplemente porque é moi difílcil atopar nenas de abondo para configurar un equipo. Son sempre moitos os nenos, pero nos casos das nenas é máis complicado atopar o número abondo para crear un equipo.

--- Como se resolve entón a historia?

Os rapaces escriben unha carta á Federación de Baloncesto pedindo que se faga unha excepción e que os deixen xogar xuntos. E co apoio dos pais, mesmo co apoio da Xunta de Galicia, conseguen que a Asamblea da Federación Galega de Baloncesto acepte a solicitude dos cativos.

--- Carla, ti dicías que esta é unha auténtica lección, moito máis eficaz que calquera campaña en prol a igualdade…

Si, Loli, porque fíxate que todos os días temos algún caso de violencia machista, estes últimos días foron tremendos nese sentido… E por iso mesmo creo que este tipo de novas protagonizadas por nenos é necesario poñerlas en valor porque valen moito máis que moitas campañas e manifestacións, quere dicir que hai xente que si ten conciencia, que si está educando en igualdade desde a base.

--- Por iso falabas deste caso como unha lección…

--- É unha lección dos nenos, pero tamén dos seus país, da adestradora e da propia Federación Galega de Baloncesto, que optou por acceder á solicitude dos rapaces.


As rapazas baloncestistas teñen dificultades para conformar un equipo.

A Revista

02/07/2018