A pandemia reduce as vendas de lotaría de Nadal
O premio Gordo tocou 22 veces en Galicia en toda a historia do sorteo da lotaría de Nadal. A Coruña e Lugo son as localidades máis afortunadas.
Con todo, a pandemia da covid está provocando que se despachen menos décimos ca de costume. En Carballo, onde tamén tocou o gordo en tres ocasións, falan dunha caída do 20 por cento nas vendas con respecto ao ano pasado.
Na administración Alexandra de Carballo cumpriron xa dúas veces o soño de calquera loteiro: repartir o premio Gordo de Nadal. A pesar deste reclamo, a situación provocada pola pandemia da covid provocou un notable descenso das vendas nos últimos meses.
"Afecta todo tipo de negocios. O negocio da lotaría está moi relacionado co lecer, calculamos un 20 por cento menos", explica o loteiro Álex Eirís.
A proximidade do sorteo está facendo repuntar as vendas estes últimos días.
Despois da Coruña e de Lugo, Carballo é a localidade mais afortunada no sorteo da Lotaría de Nadal. O Gordo tocou aquí en tres ocasións. A última nesta administración de lotaría, que repartiu catro millóns de euros en 2014. Outra administración, a número 3, repartira 40 millóns de euros do premio Gordo en 2007.
O maior premio da historia do sorteo en Galicia caeu no concello de Rianxo en 2003. Daquela o Gordo deixara nesta localidade 120 millóns de euros.