CRTVG

Buscar

A pandemia reduce en máis do 70% os clientes nas terminais e a cero os voos internacionais en Galicia

Publicado o 13/11/2020 21:04

Os aeroportos seguen a perder viaxeiros polas restricións á mobilidade. No conxunto de España a cifra de pasaxeiros caeu un 82% en outubro con respecto ao mesmo mes do ano pasado.

A caída foi algo máis leve en Galicia, de algo máis do 70% con respecto a outubro de 2019.

O que mellor resistiu foi o aeroporto Rosalía de Castro de Santiago, mentres que o que perdeu máis viaxeiros foi o da Coruña.

Pero a pandemia tamén está a levar por diante boa parte das conexións e cada vez hai menos destinos dispoñibles para os cidadáns.

Para este mes, nos aeroportos de Galicia xa non quedan voos internacionais e só están dispoñibles dez conexións nacionais.

Os datos de outubro publicados por Aena cifran en 3 millóns a redución de pasaxeiros nos aeroportos galegos no que vai deste 2020.

Con este panorama, ás liñas aéreas só lles queda confiar na campaña de Nadal e nos voos ás Canarias, que aínda se manteñen.

Por outra banda, a partir do 23 de novembro todos os que cheguen a España, ben a través dos aeroportos ou ben por mar, terán que acreditar que fixeron unha PCR nas 72 horas anteriores con resultado negativo.

Do contrario, poderán ser sancionados con ata 6.000 euros, tal e como informou hoxe o Goberno central.

Noticias web

13/11/2020