CRTVG

Buscar

A pandemia impuxo un pleno de investidura diferente, sen apertas nin público

Publicado o 03/09/2020 20:55

Pleno de investidura no Parlamento de Galicia. Un a un os deputados desinfectan as mans antes de entrar no hemiciclo. Tamén aquí hai que cumprir as normas para evitar a propagación do virus. As súas señorías son xente sobria, levan máscaras, pero das clásicas, e os poucos que optan polas de tea, cores discretas.

A máscara precisamente provocou unha das anécdotas da xornada. O presidente da cámara alertando dun esquecemento. Esquecela no estrado tras intervir pode converterse nun clásico da nova lexislatura.

E un pleno de encontros e reencontros, pero a distancia de seguridade impide os saúdos efusivos, os bicos e as apertas que viamos nestas ocasións.

Quedan os aplausos das bancadas aos seus respectivos líderes, pero xa non hai xestos de complicidade, as palmadas de ánimo e os comentarios ao oído. Unha pantalla separa cada escano.

Os empregados do servizo de limpeza cobran protagonismo entre quenda e quenda de intervención.

Por primeira vez non hai público nun pleno de investidura. E por primeira vez tamén foron diferentes os saúdos de cortesía ao presidente electo por parte dos líderes da oposición. Cóbado con cóbado, como manda o distanciamento social que impón a nova normalidade.

Noticias web

03/09/2020