CRTVG

Buscar

A pandemia segue a bater marcas con case cen mil contaxios desde o venres

Publicado o 26/01/2021 09:12

A pandemia non deixa de bater marcas en España; foron case cen mil contaxios esta fin de semana. Con todo, as autoridades sanitarias cren que xa se pasou o pico da terceira vaga. As comunidades autónomas continúan incrementando restricións para frear o virus, que, de novo, pon en situación crítica o sistema sanitario. 

Tocando os cen mil contaxios desde o venres, segundo a lectura feita no Ministerio de Sanidade, a trasmisión do virus en España comeza a baixar.

Nos últimos sete días morreron 1.369 persoas coa covid−19, e esta cifra seguirá subindo nas vindeiras xornadas. De media, as UCI están ocupadas con esta doenza ao 40 por cento, e as camas convencionais están ao 24.

A Rioxa e Valencia están por riba do sesenta por cento de prazas de UCI dedicadas á covid−19. Na comunidade valenciana ocúpalles tamén case a metade das camas convencionais. Alí xa entraron en vigor as novas restricións, entre elas, un máximo de dúas persoas reunidas no exterior e peches perimetrais. O luns Madrid tamén estreou as medidas máis duras que aplica dende o confinamento: toque de recollida ás dez, peche dos locais de ocio ás nove e prohibido xuntárense persoas que non convivan. Máis comunidades autónomas incrementan limitacións, mentres a incidencia media a catorce dias en España chega aos 884 casos.

A Unión Europea recomenda non viaxar ás zonas que superen os 500 e propón aos Estados que pidan aos seus cidadáns reduciren a mobilidade. Con todo, as cepas novas xa circulan polo continente e a variante británica supón agora ao redor do cinco por cento dos positivos no noso país.

A esperanza está posta na vacinación, que avanza con dificultades: en España foron inmunizadas coa súa segunda dose 88.700 persoas.

Noticias web

26/01/2021

Máis sobre actualidade