CRTVG

Buscar

A pandemia avanza en América, onde podería durar máis que en Europa, e leva xa 205.000 mortos

Publicado o 17/06/2020 07:26
A pandemia avanza en América, onde podería durar máis que en Europa, e leva xa 205.000 mortos

O continente americano seguía este martes avaliando medidas para resistir ante o avance incerto da pandemia do coronavirus, que deixa xa preto de 4 millóns de contaxiados e 205.000 mortos no medio de crecentes alertas sobre unha crise histórica de fame e pobreza.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) informou de que os casos globais de COVID-19 confirmados en todo o mundo ascenden a 7,94 millóns, mentres que a cifra de falecidos é de 434.796. O continente americano, con 3,84 millóns, é a zona con máis contaxios, seguida por Europa con 2,43 millóns, pero a cifra de casos diarios en América sitúase desde principios de mes pola volta de 70.000 infeccións, e a de Europa anda ao redor de 20.000.

América achégase aos 4 millóns de casos e segue acelerando

A Organización  Panamericana da Saúde (OPS) alertou este martes de que América se achega "rapidamente" aos 4 millóns de casos de COVID-19. 

Os Estados Unidos, o país máis afectado do mundo, reportan 2,13 millóns deses casos e máis de 116.000 mortes, unha cifra en ascenso que superou este martes o número de soldados estadounidenses mortos durante a Primeira Guerra Mundial.

Dentro do continente, seguen O Brasil cuns 923.000 contaxios e máis de 45.000 decesosO Perú (uns 232.000 infectados e 6.800 falecementos), Chile (184.400 casos e 3.383 mortos) e México (150.000 contaxiados e 17.500 falecidos).

No caso de Chile, desde o mércores sumaranse 31.412 contaxios que non se contabilizaron debido a demoras nos procesos de notificación e actualización do sistema. Con iso, o número de positivos situarase nuns 216.000.

A OPS atribúe o rápido avance da pandemia ao mosaico de escenarios que presentan os países da rexión, como os EUA, dos que proceden o 54 % das infeccións rexistradas no continente e onde as mortes e casos seguen ascendendo en estados como Texas e A Florida.

A situación nesa nación, da que só hai previsións dun empeoramento nas seguintes semanas, levou mesmo a que os estadounidenses teñan os niveis de infelicidade e soidade máis altos dos últimos 50 anos.

A epidemia pode durar máis que en Europa

A diferenza dos países europeos, que rexistran un número menor de mortes cada día, a curva  pandémica mantense en ascenso en nacións como O Brasil, aínda lonxe do pico.

Por iso, o director do Departamento de Enfermidades Transmisibles da OPS, Marcos Espinal, advertiu de que, se non se seguen aplicando as medidas de contención, a epidemia "pode durar moito máis tempo que en Europa".

Espinal explicou que os modelos de predición da OPS indican que unha importante onda de casos de COVID-19 afectará a América Latina en xuño e xullo, polo que as nacións que decidiron realizar unha reapertura temperá deberán ser "innovadoras".

Gran parte dos países flexibilizaron hai varias semanas, en maior ou menor medida, as restricións, aínda que varios tiveron que botarse para atrás ante unha repunta de casos.

Por exemplo, Ecuador, que reporta máis de 3.900 mortos e case 48.000 contaxiados, atópase nunha transición do illamento masivo ao distanciamento interperesonal, co levantamento coordinado das restricións que entraron en vigor co estado de excepción o 16 de marzo e que o Goberno estendeu ata mediados de agosto.

Tamén os territorios do Caribe van retomando lentamente a normalidade mentres se reducen os casos de COVID-19.

Ata o momento, os países da Comunidade do Caribe (Caricom) rexistraron máis de 6.000 casos positivos do virus, con Haití (4.441) e Xamaica (621) entre as nacións co maior número de contaxios.

A pesar da redución de casos, o cume anual de xullo dos líderes de Caricom pospúxose ata setembro deste ano, mentres a rexión loita por sacar adiante as súas economías, ao bordo do colapso polo coronavirus.

Crise de fame e risco nas fronteiras

A OPS expresou tamén preocupación pola alza de casos nas rexións fronteirizas, como os límites entre Costa Rica e Nicaragua, ou República Dominicana e Haití, e tamén as fronteiras amazónicas, e chamou a fortalecer os sistemas de saúde desas comunidades.

Coincidindo con esa advertencia, México anunciou este mesmo martes un acordo cos EUA para estender 30 días, ata o 21 de xullo, as restricións ás viaxes terrestres non esenciais na súa fronteira común para combater a propagación do coronavirus.

Os Estados Unidos tamén acordaron manter a súa fronteira pechada co Canadá pola pandemia ata polo menos o próximo 21 de xullo.

No Canadá (cuns 101.000 casos e 8.200 decesos) o ritmo de transmisión da enfermidade diminuíu de forma significativa, polo que as autoridades expresaron o seu temor de que a reapertura da fronteira e o tráfico de turistas provoque un aumento de contaxios.

Ás alarmas sumouse ademais a da ONU, que advertiu de que a poboación en condicións de pobreza extrema en Latinoamérica podería chegar a 83,4 millóns de persoas en 2020, produto da crise provocada pola pandemia, o cal implicaría unha alza significativa nos niveis de fame.

Isto confirmárono datos divulgados este martes polo Programa Mundial de Alimentos (PMA), que apuntan a que en once países de Latinoamérica e o Caribe a fame ameaza actualmente 14 millóns de persoas que sofren de "inseguridade alimentaria severa" debido ás consecuencias da pandemia.