CRTVG

Buscar

A Organización Mundial da Saúde debate sobre a conveniencia do uso xeneralizado das máscaras

Publicado o 04/04/2020 12:43

Non está moi claro canto tempo tardaremos en superar a pandemia pero si o está, polo menos cada vez máis, que o faremos cunha máscara posta. A recomendación ata este momento é que só os enfermos empreguen as cirúrxicas e os sanitarios as de filtros.

"Demostrouse recentemente que o virus permanece no aire en microgotículas durante moito tempo", explica Antonio Antela, coordinador de Enfermidades do CHUS 

No seo da Organización Mundial da Saúde debátese a conveniencia do seu uso xeneralizado. Tamén o fai o goberno de España. Os Estados Unidos e mesmo un bo número de países centroeuropeos reconsideraron a súa postura. Baseándose na experiencia dos países asiáticos, comeza a estenderse a idea de que se todo o mundo a usa, reducirase a propagación do virus.

"Naqueles países que xa teñen por costume usar máscara, como Corea do Sur ou a China, tiveron maior éxito na contención da epidemia. Creo que esta medida debe incorporarse xa. Xunto co confinamento, o aumento dos tests e o illamento dos infectados e os seus contactos permitiranos centrarnos nos doentes máis graves e reducir a presión sobre os hospitais", subliña Antonio Antela.

O uso de máscaras non debe relaxar a nosa esixencia. Os expertos lembran que, ben empregadas, poden axudarnos significativamente pero por si soas non son a solución definitiva.

Noticias web

04/04/2020