CRTVG

Buscar

A oposición mételle presión ao Exército para que desobedeza a Maduro

Publicado o 28/01/2019 08:21

A oposición venezolana mételle presión ao Exército para que recoñeza a Juan Guaidó como presidente e lle retire o seu apoio a Nicolás Maduro. O presidente de facto rexeitaba nas últimas horas o ultimato da Unión Europea para convocar eleccións e participaba nunhas manobras militares para garantirse a lealdade das forzas armadas. 

O apoio da cúpula militar vai ser clave na crise venezolana e uns e outros centran nela as súas estratexias. Guaidó ofrece amnistía aos que lle dean as costas a Maduro. Para meterlle presión ao chavismo, a oposición percorría nas últimas horas os cuarteis, para repartir entre militares o texto da lei de amnistía que aprobou hai pouco o Parlamento. Tras asistir á misa na igrexa de San José de Chacao, o presidente da Asemblea Nacional e autoproclamado presidente interino, Juan Guaidó, dirixíase aos militares.

"Soldado de Venezuela, douche unha orde: non dispares ao pobo de Venezuela, aos que de xeito claro, constitucional saíron defender a túa familia, o teu pobo, o teu traballo, o teu sustento", dixo Guaidó.

Juan Guaidó continúa sumando apoios internacionais. Os últimos, o primeiro ministro israelí e tamén o agregado militar de Venezuela en Washington, que decidiu descoñecer a autoridade presidencial e avalar o interinato de Guaidó. E mentres a oposición percorría os cuarteis, o presidente Maduro asistía a unhas manobras militares no Fuerte Paramacay, no que manifestou a súa confianza no exército bolivariano.

"Venezuela quere paz. Temos que facer respectar o poder da nación venezolana co poder militar", dixo Maduro.

Maduro, que horas antes rexeitaba todo ultimato para convocar eleccións, anunciou os exercicios militares máis importantes da historia en 200 anos, aínda que non adiantou cando se producirán. Pola súa parte, Guaidó convocou manifestacións para o mércores e o sábado, data que coincide co límite do ultimato emitido por varios países da Unión Europea, entre eles España, para que Maduro convoque novas eleccións.

 

Noticias web

28/01/2019