CRTVG

Buscar

A operación saída comeza con 43 trens cancelados en Galicia por unha folga en Renfe

Publicado o 20/12/2019 19:16

Como consecuencia de folga dos traballadores de Renfe e do Adif en Galicia anuláronse 34 trens de media distancia e rexionais e nove de longo percorrido. Algúns usuarios víronse sorprendidos polo paro ao chegar á estación e comprobar que o seu tren era un dos afectados pola folga.

"Collo tamén un rexional Santiago-Vilagarcía das e cuarto, é un dos trens que sempre anulan pola folga. Normalmente os rexionais Vilagarcía-Santiago sempre están anulados pola folga".

"Afectoume porque tiña que coller o que vai a Vigo que tarda unha hora, foi o que anularon e teño que coller agora un que tarda hora e media".

Outros foron máis previsores e colleron o billete con días de antelación para aqueles trens que funcionaron con normalidade.

"Anteriormente fun coller o billete para non ter problemas e vin que ese tren non tiña problemas e o tren que tiña pensado coller de volta tampouco".

"Eu vin da Coruña, fago ida e volta e ningún deles se viu afectado".

Segundo Renfe, a folga está a transcorrer sen incidencias e só se rexistrou algún atraso nos trens de longo percorrido, en concreto o que veu de Barcelona. Fontes da compañia ferroviaria sinalaron que secundou en Galicia a folga o 3% do cadro de persoal, mentres que para o sindicato convocante o seguimento está a ser de case o 40%.

Os traballadores protestan con esta folga pola progresiva privatización e externalización que din que se está levar a cabo no sector ferroviario e pola falta de persoal.

No total de España suspendéronse douscentos setenta e un trens.

 

Noticias web

20/12/2019