CRTVG

Buscar

A OMS pide evitar as grandes reunións familiares nas festas do Nadal

Publicado o 30/11/2020 17:42
A OMS pide evitar as grandes reunións familiares nas festas do Nadal

A Organización Mundial da Saúde pediu hoxe, ante a proximidade do Nadal e outras festas de fin de ano, que se eviten as grandes reunións familiares e os festexos en lugares concorridos, co fin de reducir a propagación de covid-19.

"É recomendable celebrar en casa, evitar reunións con xente de fóra dela, e se hai encontros, preferiblemente deben ser no exterior, con distanciamento físico e levando máscara", aconsellou en conferencia de prensa o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

"Todos temos que preguntarnos se nestas circunstancias é preciso viaxar, se é realmente necesario, pois este é o momento de quedarse na casa e seguro", afirmou.

Tedros fixo estas recomendacións tras celebrar que a semana pasada se deu o primeiro descenso claro en casos globais diarios desde setembro, grazas sobre todo á baixada de casos en Europa, pero advertiu que "o gañado pode perderse facilmente" e sinalou que "non é momento de compracencia, especialmente agora que se achegan as vacacións en moitos países".

"A pandemia cambiará a forma en que celebremos (as festas), pero non significa que non podamos facelo", subliñou Tedros, quen dixo comprender que en festas como o do Nadal moitos desexan estar con familiares e amigos pero este ano "hai que ter en conta os riscos que corremos coas nosas decisións".

A OMS lanza estas advertencias ante o temor de que durante o Nadal, ou tras elas, se produza unha nova onda da covid-19 (a terceira en Europa), cando as primeiras vacinas contra a enfermidade poderían tardar aínda meses en estar dispoñibles, e ao principio só o estarían para grupos de risco.

Tedros tamén recomendou nestas datas "evitar os centros comerciais se neles hai moita xente, tentar ir a horas menos concorridas, e facer uso do comercio electrónico", nunha das épocas de maior consumismo, especialmente en Occidente.

O máximo responsable da OMS engadiu, nunha mensaxe dirixida a quen si viaxen durante as festas, que non esquezan levar máscara en aeroportos, estacións de tren, e en avións, trens e autobuses, lavándose as mans a miúdo.

"Se te sentes mal, non viaxes", resumiu, e pediu ás sociedades que "se este ano non se pode celebrar con normalidade, fagan plans para poder facelo máis tarde, cando sexa seguro".

"Sabemos que tarde ou cedo haberá seguridade, a pandemia acabará e todos temos un papel que xogar no seu final", concluíu Tedros.